Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Sedes celebra esta fin de semana unha nova edición do Oenach Atlántico

Sedes inaugura hoxe unha nova edición, a décimo novena, do Oenach Atlántico, un evento declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no 2014 que pretende ser, tal e como indica o significado da palabra que da nome á celebración, un lugar de encontro da comunidade, baseado no patrimonio cultural galego.
A festa dará comezo ás nove horas desta tarde con acendido de lumes na campa do Trece, dando paso ao concerto da Noite da Música Galiciana, un espectáculo de balde que este ano traerá a este evento ao cantautor de música tradicional Davide Salgado.
Como ven sendo tradición, a Feira de Artesanía e o Mercadiño Artesán iniciarán as xornadas do sábado e do domingo, comezando ambas ás 11.00 horas e no que hai inscritos medio centenar de participantes –cinco deles realizarán demostracións en vivo no interior das naves do recinto feiral–. Á mesma hora, terá lugar mañá o “castro miudo”, onde pequenos e maiores poderán desfrutar de actividades lúdicas como preludio a un dos pratos fortes da xornada: a exhibición do can de palleiro (12.00 horas).
A sesión vermu contará cun concerto a cargo da agrupación Pesdelán, que ofrecerá aos asistentes música e baile con marcado tinte das culturas galega e portuguesa. Ás dúas da tarde, será o turno do Oenach Gastronómico, onde se poderán degustar menús cociñados para a ocasión como as bolas de sartén, entre outros.

Teatro e música para o remate
A partir das catro da tarde, a actividade retómase con xogos populares, teatro a cargo da compañía Títeres Trompicallo coa obra “Jiñol” e o grupo Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, será o encargado da Parada Etnográfica da Música e o Baile Tradicional. Por último, ás 22.30 horas, e dentro da actividade Noite do Castro, terá lugar a representación da obra “Molexa”, cun elenco integrado por veciños e veciñas que forman parte da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes.
As novedades para o último día, o domingo, pasan pola carreira popular ao Castro, a recreación teatral na Campa Castrexa e o Deporte Rural. A décimo novena edición do Oenach Atlántico rematará coa entrega de trofeos (19.30 horas) e o acto de clausura.l