
Mañá desde as 11.00 horas ata as 21.00, a emisora libre e comunitaria Radio Filispim emitirá 10 horas ao vivo para celebrar outros tantos anos de emisións da radio. Baixo o nome de “A filispina tolea!” o colectivo Opaíí! invita a sintonizar aos oíntes o 93.9 da FM (o streaming en http://opaii.blogspot.com) e a participar a traves do teléfono directo 981371 040. A maiores, organizan unha sesión vermú como cada fin de temporada.
Radio Filispim comezou a emitir en 2005 desde o Ateneo Ferrolán, onde habilitaron un pequeno espazo sen uso. Coas obras no local houbo que moverse e en setembro de 2010 o estudio trasladouse a un local na traseira do mercado de Caranza, desde onde segue a gravar e emitir. Con respecto do seu emplazamento, o Colectivo Opaíií! espera que desde o Concello se atenda a súa petición de contar cun local mellor acondicionado.
produción compartida
Na grella actual, Radio Filispim ten 16 programas de produción propia e confecciona tamén notas informativas a través dos grupos de traballo que se argallan nas asembleas. En contacto con outras radios, varios programas producidos en Filispim son emitidos noutras emisoras galegas e estatais e viceversa.
A grella de Radio Filispim ofrece programas variados, abertos á participación e comprometidos con problemáticas e sensibilidades varias: cultura (música, lingua ...), medio ambiente, feminismo ou asociacionismo. Os colectivos e persoas interesadas en participar deben poñerse en contacto co colectivo no enderezo: filispina@gmail.com para se informar do proceso. Deste xeito, a emisora enriquécese coas achegas que se foron producindo nestes 10 anos “e que seguirán no futuro”, segundo apuntan os seus responsables.
Coa autoxestión por bandeira, Opaíí-Radio Filispim afronta os seus investimentos en melloras técnicas coas cotas de 30 socios e socias (individuais e colectivos) sumadas ás requeridas para facer programa. Máis puntualmente, a venda de merchandising e os donativos nas sesións vermú e festival contibúen ao mantemento da emisora. A maiores, tamén ten como bandeira sacar a radio á rúa e facer programas fóra das sús instalacións ou unirse con outras entidades culturais da cidade, como o Ateneo, para levar a cabo ciclos audiovisuais ou organizar festivais de música.