Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Mercedes Peón | “O de Navantia foi un flechazo; quedei prendada”

Inconformista e pouco convencional, Mercedes Peón interacciona no seu novo traballo co naval da ría. Artesanía e industria van da man nun proxecto no que a cantora e compositora sumerxiuse no estaleiro de Navantia para captar, coa súa gravadora, sons que emanaban do interior duns talleres e dunhas máquinas que a ela lle provocaron sensacións encarnadas.

“O de Navantia foi un flechazo”, di. “O naval é impresionante. Cando cheguei alí sorprendeume a súa maxestuosidade e beleza, e me chamou moito a atención non só á vista, senón tamén aos oídos, porque os sonidos eran impresionantes, tanto por tonalidade, como por secuencias... entón quedei prendada”, comenta.
Tanto, que o 80% dos sons electrónicos que forman parte do seu novo disco “Déixaas” proceden da factoría ferrolá. Cos sonidos recollidos durante os dous días que puido estar dentro do estaleiro e no inmenso portaavións que acabou adquirindo unha dimensión metafórica, “como se o buque fora o mundo este noso, o construido, o do capital, o do comercio, o das palabras...”, salienta.
Ese barco é escenario tamén da peza audiovisual de danza contemporánea gravada no estaleiro e que hoxe será presentadano decurso da estrea mundial do novo traballo de Peón.
A cita terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio de Ferrol. “Estou emocionada e bastante nervosa”, recoñece. Para ela, a presentación desta tarde é como un “agasallo” neste comezo e remate artístico.
“Remate do que sería a produción sonora do disco en si, e o comezo dunha aventura apaixoante que é a relación musical entre Ana, Mónica e eu”.

Refírese ás dúas persoas que a acompañan neste novo proxecto creativo, Ana Fernández e Mónica de Nut. Tamén no concerto de hoxe subirán ao escenario xunto a elas varios membros da coral ferrolá “Concerto Tempo” e o grupo Xirifeiras de Fene.
“Hai tal cantidade de cariño detrás de toda esta presentación, que todos os que estaremos en escena imos ter uns decibelios de emoción moi elevados”, avanza.
Di estar satisfeita do traballo, o seu quinto disco en solitario e o primeiro nos últimos oito anos. “Desde o punto de vista técnico é un bo traballo, neste sentido estou encantada. E ademais, a vivencia destes cinco anos a través de Ferrol, de Navantia e doutros elementos, tendendo pontes desde lugares periféricos, enriqueceume moito”. O prezo das entradas para o concerto de estrea deste traballo é de 10 euros.