
A música e as propostas para os nenos son unha combinación de éxito que adoita acadar moi boa resposta do público. É o caso do “Nadal máxico” de Diverplay, que hoxe se representa, ás seis da tarde, no teatro Jofre. O patio de butacas está cheo e no resto do edificio quedaban a última hora de onte unhas duascentas localidades. Teñen un custe de sete euros.
Este espectáculo musical céntrase na festa que se organiza a unha estrela elixida para guiar ós Reis Magos a Belén.
Á venda na taquilla do teatro están xa as entradas para outra proposta infantil, “Juan D y Beatriz con los Lunnis: el cohete musical”, que se verá no Auditorio o 2 de xaneiro, ás sete da tarde, con entradas a trece e quince euros.
xove banda
No Pazo da Cultura de Narón serán as bandas de música da localidade as protagonistas dun concerto de despedida do ano. A que forman os máis pequenos, xunto coa Xove Banda e a Escola de Teatro deixarán atrás 2014 cun espectáculo que comezará ás sete da tarde e con entradas a dous euros.
Xa o luns e o martes, a partir das cinco da tarde, será o momento no que a orquestra Panorama dea a coñecer o seu espectáculo familiar para o Nadal.






















