
O Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas lanzou a súa candidatura nun acto no Carvalho Calero respaldado polo seu voceiro nacional, Xavier Vence. Alí, Iván Rivas defendou o proxecto de cidade do partido acompañado pola militancia, por independentes que se achegaron ó programa nacionalista a través do proceso asambleario previo e por unha lista con 13 membros que non militan no Bloque. Son, dixo Rivas, un equipo “de persoas que cada día se levantan e loitan para poder vivir na súa cidade e o seu país, ás que lles pisotearon os seus dereitos e loitan día a día por recuperalos”.
O candidato, actual portavoz do grupo municipal, non se resigna “a aceptar que o mellor que me pode ofrecer o meu país e a miña cidade sexa a emigración” porque “eu quédome con Ferrol e quédome con Galiza, non temos tempo para lerias filosóficas, temos moito que facer, temos que mudar unha cidade”.
Anunciou unha acción política que se vertebra sobre tres piares: dignidade, autoestima e responsabilidade. A dignidade, “para enfrontarse ás decisións despiadadas dun Estado para o que non existimos e do que os partidos estatais nesta cidade son cómplices”; autoestima “porque precisamos estar orgullosos de ser o que somos” e de “vivir nunha cidade inigualable pola súa riqueza”; e responsabilidade “para asumir unha administración local que xestione os servizos que presta ós veciños en función dos intereses deles, e non dos de empresas privadas con sede en Madrid”.
Iván Rivas referiuse tamén a cuestións quentes da actualidade ferrolá, como a taxa de saneamento (“devolveremos o recibo”, asegurou) ou o convenio co Ministerio de Defensa (“non pagaremos un euro máis”). Tamén criticou a “política económica fraudulenta do PP, que aumentou a débeda municipal, que someteu ós veciños ás políticas criminais de austeridade, que aumentou os impostos e taxas e que alongou a xestión privada de servizos municipais, precarizando o emprego”.
Unha política urbanística rehabilitadora e centrada nos problemas dos veciños, o apoio ó “amplo, rico e diverso tecido asociativo da cidade” e “a xestión propia dos nosos recursos e do noso patrimonio” foron outros dos eixes de traballo que explicou o candidato do BNG na súa intervención.
O foco pono en tomar as rendas das decisións que afectan a Ferrol e a Galicia fronte a “aqueles que delegan o futuro do principal sector produtivo da cidade en representantes sindicais e políticos de Madrid”, que “están a desfacer toda a industria auxiliar do naval” e que “pretenden converter as grúas dos estaleiros da ría en monumentos ó maior atentado social e económico que sufriu este país nos últimos anos”.
Reivindicación do bng
Xavier Vence subiu ó sobrio escenario do Carvalho Calero logo de que por el pasaran cinco membros da candidatura (do seis á número dous: Ramón Alfonzo, Bárbara Lamas, Pilar Pazos, Xulio Rodríguez e Eva Espiñeira). Eles, desde distintas xeracións e circunstancias laborais, aportaron a súa visión dos problemas da cidade e incluso recitaron a Rosalía.
Cando o voceiro nacional tomou a palabra a súa mensaxe foi de esperanza e de ilusión nunha “candidatura con tanta xente valiosa, con xente nova” que fará “unha cidade habitable, con vida, con traballo e con futuro dentro dun país que tamén quere ter futuro”. Xavier Vence reivindicou a vixencia do proxecto do BNG fronte á desconfianza dos cidadáns nas distintas ofertas políticas, froito “de tempos convulsos e de moitas incertezas”, afirmou. “Nós podemos poñer enriba da mesa unha traxectoria de traballo e de compromiso que todo o mundo pode comprobar. Somos un proxecto serio e fiable”.
Mostrou orgullo do traballo feito en Ferrol durante anos, tanto no goberno como na oposición e destacou que o seu partido está “permanentemente coa cidadanía, en tódalas loitas onde hai que defender os intereses da xente e as causas xustas”.
As eleccións locais son unha ocasión “de derrotar ó PP en Ferrol, que ben merecido o ten despois de tantas mentiras e tantas promesas incumpridas” pero tamén de “darlle un pau duro a tódalas políticas que levan aplicando no goberno do estado e na Xunta de Galicia”. Para Vence a xestión do Partido Popular supón “un ataque sistemático á nosa economía, ó noso emprego e ós nosos servizos sociais” e as eleccións municipais son un primeiro paso para darlle a volta á situación e “derrotar ás políticas neoliberais que están triturando, literalmente, á xente do común”.
Unha das principais propostas económicas do BNG para os concellos pasa por “rescatar e remunipalizar os servizos para poder poñelos ó servizo da xente” e así acabar cun “centralismo asfixiante” que outorga as concesións públicas a “cinco ou seis grandes empresas madrileñas do lobby do palco do Bernabeu”.









