
A crise dos prezos que está a sufrir o sector marisqueiro local non afrouxa, segundo reflicten as estatísticas da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así, no referido á especie máis explotada na ría de Ferrol, a ameixa babosa, os datos de extracción e vendas sitúanse lixeiramente por debaixo dos rexistrados o exercicio anterior, se ben son moi diferentes aos de 2011.
Deste xeito, entre xaneiro e xuño do presente ano a lonxa da confraría de Barallobre despachou 55.800 quilos deste bivalvo a un prezo medio de 6,36 euros. No mesmo periodo de 2012, da rula fenesa saíran perto de tres toneladas máis, a algo máis de sete euros o quilogramo. En 2011, eses datos foron 9.700 quilos a 10,46 euros. Esta diferenza débese, como se sabe, á entrada en funcionamento do sistema de reinstalación, que permitiu mobilizar unha maior cantidade de marisco procedente das zonas C, nomeadamente do banco das Pías.
ferrol
Os datos rexistrados na confraría de Ferrol son semellantes. No primeiro semestre do exercicio pasaron pola lonxa uns 61.200 quilos que se comercializaron a perto de 6 euros. Son 60 céntimos menos que o prezo ao que se despacharon cada un dos 62.830 quilos de 2012. No ano inmediatamente anterior, nesta altura tíñanse vendido 12,4 toneladas e a cotización do quilo superaba os 10,5 euros.
Cabe lembrar que o marisco que se depura na batea non está tan valorado que o que se extrae diariamente das zonas B da ría.









