
A plataforma Queremos Galego presentou onte na galería Sargadelos os actos ao redor do Día das Letras Galegas que celebrarán en Canido este domingo ás 12.00 horas. A actividade consistirá nun concerto do músico de blues Víctor Aneiros, nunha intervención do sociolingüista Francisco Rodríguez e da lectura do manifesto conxunto de Queremos Galego, que será lido en todas as cidade do país.
As actividades foron presentadas onte na galería Sargadelos polo coordinador de Queremos Galego en Ferrol, Carlos Outeiro. quen afirmou que: “A atitude do actual goberno municipal cara ao noso idioma propio pódese representar claramente nun dato: o nome da persoa responsábel de normalización do galego neste grupo municipal non a coñece nin o 1% da poboación de Ferrol”. Para Outeiro “é continuo o desprezo ao Plan Normalización Lingüística do Concello de Ferrol aprobado e sistemáticamente obviado así como acontece a diario o incumprimento da ordenanza municipal de Normalización Lingüística malia ao seu obrigado cumprimento”.
Pola súa banda, Víctor Aneiros comentou: “Deixei de facer blues en inglés por ser iso unha cara B. Por que vamos a conformarmos con ser unha cara B cando podemos ser unha cara A? Temos un idioma, temos unha cultura”.
Incidindo na súa propia experiencia, o músico comentou:
“Musiquei textos como ‘Soia’ de Rosalía de Castro. Se colle este texto Eric Clapton alucinaría, é un poema desgarrador, é puro blues. Temos que mirar máis o que temos en casa pois temos moita cousa boa. Por iso eu fago música en galego”.
esforzos propios
O sociolingüísta Francisco Rodríguez apoiou as afirmacións de Víctor Aneiros salientando:
“Non temos que ser miméticos, non temos que copiar. Un pobo que está destinado a copiar é un pobo que está destinado a desaparecer. Nós temos que contribuír á humanidade cos nosos propios esforzos nos ámbitos, cultural, lingüístico, económico... En todos eles”.
Rodríguez comentou tamén na súa intervención que
“manter o galego é un síntoma de que somos conscientes da nosa propia realidade, sen nos subordinarmos a ningúen. Significa que somos un pobo con capacidade de modificar as nosas condicións económicas e sociais.
Nunha situación normal produciríamos leite, barcos e a nosa escola tería o galego como lingua vehicular, lingua que sería a normal das televisións que actuasen en Galiza, das radios e por suposto, estaría excluído calquer aceno de discriminación contra os usuarios do galego. Hoxe non sucede así”, rematou.