
A escritora e profesora Obdulia Dopico vén de editar a súa nova novela, “A pena das calandras”, un traballo que une unha singular trama de asasinatos nun espazo xeográfico querido para autora, o val do Landro en Viveiro, o seu lugar natal. A novela presentarase o próximo xoves 12 ás oito do serán no Teatro da Beneficencia de Ortigueira. Coa autora estarán a profesora e musicóloga Julia Dopico Vale e Francisco Javier Martínez Prieto. O traballo inclúe un prólogo da propia Julia Dopico e fotografías de Álvaro Fernández Polo.
Segundo salienta Obdulia, no seu interese con esta obra estaba recuperar “os lugares onde vivín de pequena, as xentes, as tradicións e as paisaxes que nunca se esquecen, o río Landro e o Monte Castelo que perduran na memoria e forman parte das vivencias, como as viaxes a Lugo que duraban máis de tres horas, a festa de Naseiro, ou a Semana Santa de Galdo. Acontecementos que marcaron un tempo de vida moi distinto ao de hoxendía, por iso máis que unha novela de investigación de crimes, resulta ser un relato que nos retrae aos anos cincuenta e sesenta do século pasado, con personaxes inconfundibles, xa que os tempos non son peores nin mellores que antes: son diferentes”.
ampla produción
Julia Dopico Cachán ten publicado “A beira do Landro”, uns contos aparecidos na Voz de Ortigueira. No ano 1996 gañou o premio “Curuxa do Humor” de Fene, co relato “Setembro”. Escribiu o ciclo narrativo “Zarcos”, unha triloxía composta por tres novelas: “Querida Azul”, “Diario de Ana” e “Confesiones de S.”. Colabora habitualmente cos dous semanarios máis antigos de Galicia, “El Heraldo de Vivero” e “La Voz de Ortigueira”, do que resumiu as “Crónicas” dende o ano 1916 ata o 2000. Entre as súas actividades tamén destaca o ter sido secretaria da asociación Paporroibo.






















