Vinteoito rapaces de 21 concellos foron seleccionados para a final da III edición de “Ferrol Canta”

Tratando de buscar o talento que sen dúbida hai nas novas xeracións, o vindeiro sábado día 9 a praza de Amboage acolle a final da III edición do concurso “Canta Ferrol”. Un total de 28 mozos e mozas de Ferrol e comarca participarán nesta gran gala final a partir das 18.00 horas, nun evento que contará coas actuacións de artistas como María Villalón, gañadora da primeira edición do concurso de televisión “Factor X”; Calum, exconcursante de “La Voz Kids”; e a promesa Ricky Furiati. Ademais de facer de xurado, estes cantantes interpretarán diferentes temas na cita.
Máis de 85 centros escolares de 21 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal participaron na cita. Tralo proceso de selección de entre máis de 50 candidatos con idades comprendidas entre os 6 e 18 anos foron seleccionados un total de 28 mozos e mozas da comarca que representarán aos seus colexios e institutos na final do sábado. Destes 28 candidatos, serán finalmente só 15 os que teñan a ocasión de subir a cantar ao escenario da praza de Amboage para converterse na mellor voz de Ferrolterra. Estes serán preseleccionados previamente polos membros do xurado.
premios
O alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, quixo resaltar o traballo da Concellería de Igualdade e Xuventude na organización deste evento “que terá como colofón final unha gran gala nunha das prazas máis importantes da nosa cidade”.
Durante a final musical, coñecerase a identidade dos finalistas; e aquel que resulte máis votado será proclamado a “Mellor Voz de Ferrolterra” e gañará un cheque de 300 euros, un vale de compra de 200 euros e un curso de canto valorado en outros 200 euros. Así mesmo, o xurado entregará ao segundo clasificado o premio á voz “Máis especial”, que consiste nun curso musical por valor de 200 euros.