Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

“A idea é devolverlle o Concello aos veciños”

Moeche estreará alcaldesa o próximo sábado. A nacionalista Beatriz Bascoy deixa as gradas da oposición para encabezar un equipo que acadou o respaldo maioritario dos veciños nas urnas e que avoga por sacar ao concello do desleixo dos últimos anos marcados polas “vinganzas persoais” entre PP e Propomo.
 
Qué beneficios vai aportar esta maioría para Moeche?
Este último ano tamén había unha maioría con Propomo e o pacto que tiña cos concelleiros do PP. Pero nós pensamos darle un xiro á forma de facer política ata o de agora. Unha vez que nos situemos a nosa idea é traballar cos veciños a través de asambleas parroquiais, que sexan eles os que propoñan e buscaren os recursos para executalos, sempre cos eixos de transparencia e participación dos que xa falabamos en período electoral.

Que  problemas esperan atoparse?
Penso que o principal problema será a situación económica que nos quede este ano. Logo outro problema a medio e longo prazo será a cantidade de traballo por facer dada a situación de abandono de servizos básicos pero aínda que somos cinco persoas temos un equipo moi grande de colaboradores, con moita ilusión e gañas de traballar. Hai que impulsar a axuda no fogar e promocionar o Castelo e a feira. Durante o último ano non se buscaron recursos económicos máis aló das subvencións ordinarias e a actitude de vinganzas persoais do anterior equipo de goberno manchou moito a imaxe do Concello que queremos recuperar.

Cales serán as primeiras actuacións que afronten?
O primeiro que faremos ao chegar será solicitar un informe económico e do estado de execución do orzamento. Outra das primeiras actuacións será reunírmonos con todas as asociacións do municipio, priorizando aquelas que desenvolvan actividades no verán. Tamén apostaremos por activar tanto o área recreativa de Souto Grande como o Castelo de Moeche, dos espazos que atraen a turistas e vistantes sobre todo nesta época do ano. Ademais outra das necesidades que nos transmitiron os veciños é a da recollida de voluminosos, para o que ata agora non había solución.

O pulso ás necesidades veciñais semella prioritario...
Si, esa é a idea, devolverlle o Concello aos veciños. Nós somos un equipo amplo, con moita xente, sempre en contacto co municipio e non só iso, e que as súas necesidades tamén son as nosas. Somos xente de Moeche que vive aquí. Atenderemos á xente pero tamén lles explicaremos as cousas. Penso que isto vai ser un dos principais beneficios deste goberno. Este concello ten moito potencial e imos aproveitalo.