
O centro e recepción de visitantes de Ortigueira alberga ata o 1 de xaneiro a exposición “O patrimonio marítimo de Galicia”, unha mostra da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) na que se percorren distintos aspectos históricos e actuais vencellados coa explotación do mar.
A mostra consta de trece paneis de lona de gran formato a través dos cales se explican aparellos e técnicas de pesca axeitadas a cada costa e tradición, como este oficio influíu incluso na feitura e nas localizacións das casas e como se desenvolveron diversas profesións que, dunha ou doutra forma, están relacionadas co mar.
Pero tamén se amosan outras funcións da auga, como a de ser a forza motora para os muíños de maré, e se explica a súa relevancia histórica como espazo de intercambio de comercio e culturas e tamén como un elemento máis a ter en conta en batallas. Fortalezas e balizamentos ó longo das costas galegas dan conta da importancia estratéxica deste elemento.
A exposición é tamén unha forma de divulgar e concienciar á poboación sobre a necesidade de conservar esta riqueza natural, histórica, arquitectónica e etnográfica.
Poderá visitarse de luns a sábado, de 10.30 a 13.30 horas e, polas tardes, no horario de apertura da cafetería.




















