
Arredor duns 3.000 operarios dos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol e das industrias auxiliares saíron onte de novo á rúa para reclamar, unha vez máis, carga de traballo e a construción dun dique flotante, e para esixir solucións que garantan a continuidade dun sector estratéxico para a comarca. Baixo un sol de xustiza, os traballadores, aos que tamén se uniron familiares, prexubilados e compañeiros doutras empresas da zona cubriron a pé os preto de 20 kilómetros que discorren polos municipios que rodean á ría: Ferrol, Fene, Neda e Narón.
A marcha, que discorreu con total normalidade, incluíu varias paradas, unha breve en Fene, outra un pouco máis longa na praza do antigo Concello de Narón, onde moitos aproveitaron para repoñer forzas, e unha terceira na rotonda de Megasa, neste caso coa finalidade de amosar o apoio aos traballadores da siderúrxica naronesa, que tamén ve peligrar o seu futuro.
Minutos antes de iniciar o percorrido desde a porta principal da factoría ferrolá –a saída tivo lugar arredor das 11.30 horas–, o presidente do comité de empresa Navantia Ferrol, Ignacio Naveiras lembraba os principais problemas que afectan ao sector. “Á problemática da carga de traballo, que está sen solventar, súmanse outros como son o do ‘tax lease’, no que nos solidarizamos cos nosos compañeiros do sector naval privado e no que seguimos apostando por unha vía de diálogo que solucione o problema”.
No que atinxe á carga de traballo para as factorías ferrolás, Naveiras asegurou que “seguiremos demandando á Xunta os seus compromisos, especialmente no flotel e na cuestión do dique flotante”. Uns temas que o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, non foi capaz de clarificar nin concretar no decurso da reunión que este mesmo mércores mantivo cos representantes dos traballadores de Navantia Fene-Ferrol.
sen explicacións
Non só non achegou solución ningunha sobre os temas plantexados, lamentou Naveiras, senón que, “o que é peor”, tampouco ofreceu ningún tipo de explicación sobre o punto no que se atopa a consulta formal que se ten previsto presentar á Comisión Europea sobre o dique nin tampouco do contrato coa petroleira Pemex Internacional para a construción dun flotel. “Nós non coñecemos o contrato nin tampouco o alcance que para Navantia pode ter a entrada de Pemex no capital de Barreras”.
Con respecto ao dique, Naveiras apuntou que haberá que esixir tanto ao goberno galego como ao central “que vaian a Bruxelas nunha posición de autoridade” para defender tanto o tema do “tax lease” como o do dique, unha infraestrutura de vital importancia e absolutamente determinante para apuntalar a área de reparacións e para garantir o futuro da industria.
Ignacio Naveiras lembrou que o estaleiro ferrolán está a rematar a única obra que se está a facer agora mesmo, a do segundo LHD, polo que despois quedarán sen nada de nova construción. “Todos sabemos que o período de maduración dun contrato novo pode supoñer entre 10 e 14 meses o que fai que a situación sexa moi complexa e dramática para os traballadores”, dixo. E non só para os da industria auxiliar, recoñeceu o presidente do comité, xa que tamén conleva unha importante dose de incertidume para o plantel principal, “porque se nos está anunciando unha situación financeira complicada”.
Naveiras incidiu en que os traballadores están a reclamar “futuro”, que se consolide un estaleiro como Navantia que é estratéxico para a comarca e cuxo declive está a arrastrar a moitos outros sectores, como o do comercio.
Desde a sección sindical da CIG en Navantia salientaron o mércores, trala entrevista con Conde, a incapacidade e desidia que amosa a Xunta na defensa dos estaleiros da ría ante o goberno en Madrid.
O día 15, o plantel comezará as vacacións. De non mudar a situación, saben o que se atoparán á volta: máis despedimentos nunha empresa que nos últimos 18 meses xa perdeu máis de 2.500 empregos nas auxiliares.








