
As Pontes vive un mes intenso no eido cultural, que comezou xa o sábado pasado co espectáculo de danza oriental Shakti-Danza e que continuará con actividades en torno á música, ó teatro, á literatura e tamén á danza.
Santi del Moral presentará o venres, ás 21.00 horas, na biblioteca, o seu libro “Instantes detidos”, e o sábado, ás 19.00, a Casa Dopeso será tomada pola rondalla Vila das Pontes e pola agrupación Lucero del Alba no concerto anual de homenaxe ós maiores.
Tamén o domingo haberá propostas culturais, coa presenza da compañía Baobab, ás seis da tarde, no auditorio Cine Alovi. Representarán “Babs”, unha obra para bebés.
O mércores 17 a escola de zanfona do Padroado de Cultura de Narón visitará o Alovi para dar un concerto a partir das 19.30 horas. Esa semana, Limiar Teatro presentará a súa nova obra “Verbum Fahrenheit” ós escolares, para despois facer pases para o público en xeral o venres (21.00 horas), sábado e domingo (ás 20.00). Será na Casa Dopeso.
Ademais, o domingo 21, a compañía Sarabela Teatro presentará no Alovi, ás 18.00 horas, o seu espectáculo infantil “A voar”.
A conmemoración do Día Internacional da Danza está prevista para o venres 26, cando se celebre un encontro entre a escola de baile tradicional das Pontes, e o grupo do baile do Padroado de Narón. Será ás 19.30 horas nos xardíns do Campo da Feira.
E o domingo 28, no auditorio municipal, farase unha exhibición de bailes de salón con alumnos das asociacións Lembranza da Vila, Beira do Eume, Veiga da Areosa e Viúvas María Magdalena. Estarán acompañados por parellas de alta competición.
día do libro
A biblioteca das Pontes celebrará o Día do Libro entre o 22 e o 24 de abril coas súas “lecturas compartidas”, a partir das seis da tarde. Pais, nais, avós e, en xeral, os usuarios adultos do centro, ofrecerán os seus contos e lecturas preferidas ós nenos, nun froitífero encontro interxeracional.
Ademais, ata este sábado permanece aberto Mundo Xogo, con ocio para tódalas idades.






















