
Novas propostas seguen a xurdir da Concellería de Cultura de Ferrol que dirixe Suso Basterrechea, que xa ten a mirada posta no vindeiro 2017 para continuar apostando pola calidade con primeiras figuras da escena internacional musical.
Estas serán as protagonsitas do novo ciclo “Son aloumiños”, música íntima en pequeno formato pensada para as noites dos mércores na capela do centro cultural Torrente Ballester. Neste escenario inaugurará o cartel o vindeiro 25 de xaneiro o estadounidense Terry Lee Hale, referencia do grunge de Seattle.
Seguiralle, o 15 de febreiro, a voz espectral, cálida e delicada de Nadine Khouri, do Líbano, para tomar o relevo o 8 de marzo o delicioso cantautor Daniel Martin Moore, de Estados Unidos e que compartía selo discográfico con Nirvana. Chegará a Ferrol para presentar as cancións do seu traballo “Turned Over to Dreams”.
O programa continuará o 19 de abril coa carismática artista francesa Francoiz Breut, que regresa á escena para presentar o seu traballo “Zoo”. De botar o telón ao ciclo encargarase o guitarrista e cantautor de folk británico John Smith, de Reino Unido.
calidade
Todos eles artistas singulares , “puro carisma e personalidade” para lle ofrecer ao público unha seria única e íntima de concertos de pop, folk e música americana de raíz onde prima a calidade e o son. “Traballamos para que Ferrol siga na vangarda cultural de Galicia e se sitúe como referencia do Estado”, comentou o concelleiro de Cultura. O novo ciclo virá complementar outros postos en marcha tamén polo actual goberno da cidade, como é o caso do ciclo “Na Raíz” ou a “Feira dos xoves”, achegando así ao público unha intensa e extensa oferta musical para todos os gustos.








