
Desde o ano 2003 a AVV Altea de Narón segue a levar a cabo unha particular festa gastronómica que é quen de combinar o pracer dun bo xantar coa reivindicación sobre o coidado do medio ambiente.
Así, a concelleira de Festas de Narón, Mª del Mar Gómez, e o presidente da Asociación de Veciños Altea de Xuvia, Ramón Silverio, presentaron onte en rolda de prensa a XI Festa da Exaltación dos produtos da ría, que se celebrará o domingo 14 de xullo no paseo marítimo de Xuvia.
Menú
Nesta edición, o menú estará composto polos seguintes pratos: sopa de marisco, ameixas á mariñeira, paella de marisco, postre, café e chupitos. Os tickets poden adquirirse ata o vindeiro día 10 no local da Asociación de Veciños de Xuvia, en horario de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas, ou ben chamando ó teléfono 981 39 35 61. O prezo das entradas é de 20 euros.
O xantar servirase ao redor das 14.00 horas, nunha carpa instalada con este motivo no paseo marítimo. A continuación, sobre as 16.30 horas, dará comezo a sesión de baile coa actuación do dúo Karamba.
Está prevista a participación aproximada dunhas 200 persoas. A Concelleira de Festas e Ocio de Narón lembrou que esta festa, xa consolidada no calendario de citas gastronómicas de Narón, ten unha doble vertente: por unha banda trátase de disfrutar dun exquisito menú a base de produtos da ría, e por outro reclamar e reivindicar a necesidade de saneamento da ría, algo que está cada vez máis cerca.








