
Con algunha que outra novidade celebrarase os vindeiros días 15 e 16 unha das citas máis consolidadas no municipio naronés, a XIX Festa Gastronómica do Pemento do Couto, que ano tras ano reúne a centos de persoas nas inmediacións do local da Picota da devandita parroquia.
Entre as propostas incorporadas nesta edición inclúese o “showcooking” co que o sábado pola tarde, entre as 19.30 e as 20.30 horas, comezará a programación no local social da AVV do Couto. Correrá a cargo de Lucía Freitas, do Grupo Nove Cociñeiros e propietaria do restaurante A Tafona, de Santiago de Compostela. A partir das 23.00 horas procederase a iluminar de diferentes cores o exterior do Mosteiro do Couto, lugar no que desde esa hora e ata as 00.30 haberá un concerto de música de cámara coa formación Son de Ar. Están programados dous pases e o aforo é limitado –non é preciso inscribirse–. Para rematar a xornada do sábado, e tamén como novidade, terá lugar no exterior do cenobio unha “performance” con música, iluminación e baile a cargo dunhas fadas.
Todas estas propostas servirán de aperitivo para a festa gastronómica de exaltación do pemento propiamente dita, que se desenvolverá durante toda a xornada do domingo. Comezará ás 13.00 horas coa lectura do pregón por parte do doutor en Botánica e autor de numerosos libros Carlos Rodríguez Dacal. Media hora máis tarde será a quenda para o tradicional acto de xuramento das novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto, no que será entregado o Pemento de Honra a representantes do Grupo Nove Cociñeiros.
O xantar, a base de churrasco con pementos –doados por Viveiros Sinde en colaboración coa Cooperativa do Val– e cachelos, pan, auga, viño e café, será a partir das 14.00 horas. Os interesados en asistir poden adquirir os tickets (12 euros) no local social do Couto de luns a domingo de 18.00 a 23.00 horas e os sábados e domingos tamén polas mañás, de 11.30 a 14.00 horas.
Entre as 17.00 e 19.00 horas realizarase outra das propostas incorporadas este ano, unha visita guiada dramatizada ao Mosteiro do Couto, na que o actor Suso Rodríguez asumirá o rol do cabaleiro naronés Froila Bermúdez, fillo dos Condes de Traba, e guiará aos asistentes.
O venres 14 celebrarase ademais unha comida de confraternidade entre os integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
A festa foi presentada onte no Concello de Narón polos concelleiros de Festas, Mar Gómez; Promoción Económica, Pablo Villamar; e Turismo, Natalia Hermida, acompañados polo xerente da Cooperativa do Val, José Leira; o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto; e o integrante da Orde, Tomás Casal. l