Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

O novo “Calagraña” xa está na casa

0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Logo de moitos meses de traballo, o veleiro “Calagraña” xa está de volta en casa, os pantaláns do porto de Ferrol, perto do lugar no que se atopa outro dos barcos “nobles” propiedade dun dos socios do Club do Mar, o "Ría de Ferrol”, de César Bedoya.
Neste caso, o dono é tamén un dos membros máis veteranos da segunda entidade cultural máis importante da comarca en masa social, Arturo Loureiro, autor, ademais, de boa parte das tarefas de restauración do barco que el mesmo salvou do desguace. Pero non foi o único, lembra. “Practicamente toda a sección de vela tradicional do club participou neste proxecto”, recoñece.
Pero a historia do “Calagraña” non é actual. Remóntase aproximadamente medio século atrás. Foi construído, conta Loureiro, nun estaleiro italiano en 1965, e durante moitos anos navegou con bandeira inglesa até que, por circunstancias diversas, ficou abandonado en Almería.
Foi precisamente do porto andaluz de onde o veleiro foi rescatado por un catalán veciño da Graña. “Este home tróuxoo para aquí, concretamente para Sada, onde tiña o amarre. Tempo despois entereime de que quería desfacerse del e foi entón cando chegamos a un acordo”.
O veleiro que “herdou” Arturo Loureiro non era exactamente o mesmo que estaba a piques de ser despezado en Almería. “Foi o seu anterior propietario quen empezou a recuperalo e sanear as partes que estaban en mal estado. Cando xa estaba case rematado, regresou a Cataluña e merqueino”.
A man de Loureiro traballou especialmente na mellora do acondicionamento interior. Primeiro tróuxoo para A Graña e logo dun tempo “semiabandonado” que provocou que as partes máis sensibles se foran deteriorando, decidiu levalo a un estaleiro para reparar, en concreto, a unha carpinteiría de ribeira en Lorbé.
Alí, no taller de Pepe, desmantelouse a cuberta e revisouse o “costelar”, a carena do barco. “A estrutura principal”, explica Loureiro, “estaba en perfecto estado e nós centrámonos na cuberta e na cabina, así como no cambio de toda a enxarcia”. Porén, a parte máis complicada desta rehabilitación non foi iso, senón “o illamento, que sexa estanco”.
Este traballo desenvolveuse, co ritmo propio de quen non dispón de todo o tempo para iso, entre o ano 2009 até o pasado mes de outubro. Con todo, a súa presentación oficial produciuse hai apenas unhas semanas coa súa viaxe inaugural, concretamente á undécima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais que se celebrou no Freixo, concello de Outes, do 11 ao 14 de xullo pasados, formando parte da delegación do Club do Mar canda o “Ría de Ferrol”.

características
O “Calagraña” ten 11 metros de eslora por 3,20 de manga e nove toneladas de rexistro bruto. O seu propietario defíneo como un “clásico, un cruceiro de madeira noble”, coas cadernas e o casco de caoba laminada, “moi boa para o mar”, puntualiza Loureiro. A cuberta, pola súa banda, é de iroko, a substituta ideal da teca.
Esta embarcación forma parte xa da “flota” da sección de vela tradicional do Club do Mar, cuxos socios seguen a traballar en diferentes proxectos, alén do mantemento que requiren, en xeral, todas as embarcacións tradicionais. “Nestes intres”, adianta Loureiro, “un compañeiro está recuperando unha vella lancha de prácticos no Seixo, que xa está a flote”. Eis a demostración de que a carpinteiría de ribeira sobrevive, con dificultades pero sobrevive, na ría de Ferrol.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620