
Chega hoxe ás 20.00 horas ao Pazo da Cultura de Narón unha das comedias francesas de máis éxito do último lustro, “El nombre”. Adaptada por Jordi Galcerán, e estreada hai xusto un ano, conta cun reparto inzado dalgúns dos rostros máis populares da televisión española: Amparo Larrañaga, Antonio Molero, Jorge Bosch, César Camino e Kira Miró.
Cinco actores que dan vida a outros tantos personaxes que nos sitúan nunha trama cotiá pero que vai crecendo ao longo da función ata facerse case insustentable. Esta comedia comeza cunha situación intranscendente para converterse nun problema moito máis grave do que cabía esperar, iso si, sempre dentro do marco do humor na liña dos seus autores, Matthieu Delaporte e Alexandre de la Patelliêre.
"Bobas & galegas"
Así, a obra conta a historia de Vicente que vai ser pai pronto e foi convidado, xunto á súa muller, a casa da súa irmá Isabel e o seu cuñado Pedro. Alí tamén se atopa un amigo da infancia, Carlos. O motivo é a celebración do embarazo e futuro nacemento do bebé. Pero Ana, a futura mamá, como é habitual nela, retrásase. Durante a velada van saíndo cuestións sobre a súa futura paternidade, a responsabilidade que supón traer un fillo ao mundo e todo aquilo que vai relacionado co seu futuro máis próximo. Aos poucos o ambiente vaise quentando ata que lle preguntan se xa pensou o nome que lle vai a pór ao bebé. A resposta déixalles tan impactados que, a partir dese momento, empezará unha batalla campal, deixando ao descuberto a verdadeira personalidade de cada un.
O prezo da entrada para ver este obra é de 15 euros para o público en xeral e de 10,50 con desconto.








