
O Club de Prensa de Ferrol renovará este sábado a súa xunta directiva, nunha asemblea xeral extraordinaria que rematará co tradicional almorzo co que celebran a festividade de San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas. Será nas instalacións do hotel Carrís Almirante, a partir das 12.30 horas.
A asociación cultural ferrolá fai un chamamento a tódolos xornalistas da cidade a que se sumen ó seu proxecto, que conta xa con 25 anos de actividade. Ademais terán nova cara na presidencia, xa que María Ares Sanmartín, na actualidade xefa de comunicación da Universidade da Coruña, propón a súa candidatura para relevar a Xan Morales, que levou as rendas do Club de Prensa desde o ano 2004. Trátase dunha substitución cordial que garante a continuidade dun proxecto colectivo que deu froitos tan vizosos como a revista Ferrol Análisis, o Curso Carlos Gurméndez, o certame fotográfico Galicia en Foco ou, recentemente, a convocatoria do premio José Couso de Liberdade de Prensa.
“O Club de Prensa de Ferrol leva máis de 25 anos traballando na xestión cultural ligada ó xornalismo e ó interese dos profesionais dos medios de comunicación. Ten un recoñecido prestixio dentro e fóra da cidade”, comenta María Ares. “Para min sería unha honra coller o testigo e tamén unha enorme responsabilidade que non asumiría se non houbese detrás persoas da valía intelectual e humana que hai”, engade.
Os obxectivos desta fenesa, profesional da comunicación, se é elixida presidenta da entidade, son os de “continuar cos proxectos que son a bandeira do Club” pero tamén “dentro das posiblidades económicas que teñamos para este 2013 tan difícil, abrirnos a novas iniciativas centradas nos intereses dos xornalistas” e, sobre todo, “celebrar o cuarto de século”.
Respecto do momento que vive o xornalismo, María Ares diferencia entre os retos que teñen as empresas xornalísticas, que pasan por “atopar a solución á crise do seu modelo de negocio ante a irrupción de internet”, e os dos propios xornalistas, que teñen que “loitar contra a precariedade e a infravaloración do seu traballo como profesionais da información”. Porque “a adaptación dos xornalistas ás novas canles dixitais, inclúidas as redes sociais, non son un problema. Somos profesionais versátiles capaces non só de adaptarnos, senón de liderar os cambios”. Ademais, defende a volta “á esencia do xornalismo, que está, sen dúbida, na información local”, fronte á uniformización das noticias. “A proximidade é o que aporta valor engadido a un xornal”, comenta.






















