
Jorge Suárez encabeza a lista de Ferrol en Común –FeC– ás eleccións municipais. É militante de Esquerda Unida e considera máis que improbable que poida gobernar a cidade “quen a levou ó colapso absoluto”.
Dez partidos non son moitos para esta cidade?, como ve esa fragmentación?
A diversidade política é moi positiva e canto máis debate se xenere mellores son as propostas, porque nos obligamos a chegar a acordos políticos para mellorar a cidade, consensuados. Aínda queda moito por xogar, quedan días de campaña e é bastante improbable que a cidadanía de Ferrol respalde a un goberno que levou á cidade á perda de poboación, á perda de emprego e á ruína urbanística.
Os acordos tamén poderían chegar polo lado da dereita ou centro-dereita...
O bipartidismo leva unha tempada en certa agonía, pero tamén é certo que partidos como Ciudadanos son un bluf, que depende dua súa marca nacional. Nós aquí levamos traballando cunha traxectoria histórica importante e esa formación sae da nada e non ten traxectoria consolidada como para ter representación, aínda que logo xa se verá.
Os partidos teñen esa traxectoria, pero os cabezas de lista, coma vostede, son caras novas
É importante que a criba democrática non sexa só nos grandes partidos. Nós apostamos por unha renovación xeracional, non tanto no ideolóxico, e é importante afastarse do que se veu dando aquí nas últimas décadas, que é a profesionalización da política. Hai que cortar os fíos de certa política viciada dependente de intereses partidistas e hai nova xente que, con novos impulsos, pode xerar a ilusión suficiente para darlle unha oportunidade a Ferrol.
Por si queda algunha lagoa, que ten que ver Ferrol en Común coa Marea Ártabra, coa que nun principio ía confluir?
Ferrol en Común definiuse dende o primeiro momento como unha iniciativa de Esquerda Unida, Anova e inscritos en Podemos. FeC situouse dende un principio na esquerda porque pensamos que a transformación social só pode vir da esquerda. Con respecto á decisión que tomou a Marea Ártabra de seguir o seu propio camiño, nós tendemos pontes no seu momento e non puido ser. Cada quen traballará coa súa proposta política e tanto a Marea como o BNG, como todas as forzas de esquerdas, creo que estamos condenadas a entendernos despóis das eleccións si o que queremos é articular unhas novas propostas para Ferrol máis alá do desgaste ó que está levando á cidadanía o Partido Popular.
Precisamente o PP apela á estabilidade que pode dar unha maioría absoluta frente a un conglomerado de siglas
O PP emprega a táctica do medo. Cando veu Feijóo a Caranza o que dixo foi “coidado que veñen os comunistas”, é un absurdo e a estabilidade que promete o Partido Popular representa o caos, nos servicios sociais, na falta de emprego, nas privatizacións, etc., e si esa é a estabilidade, non creo que sexa o camiño para rescatar Ferrol, que é o que propoñemos nós.
Asociar Ferrol en Común con AGE é natural. Que tipo de referente é?
Isto ven representando unha AGE ampliada, que foi un revulsivo da política galega. Duascentas mil persoas confiaron na unión das forzas da esquerda para un novo movemento político social e aquí se pon enriba da mesa o mesmo. Non queremos só acadar representación no Concello senón tranformar completamente todas as políticas. Era o que pretendeu no inicio AGE e aínda que polo camiño sucederon moitas cousas que non deron continuidade, o que se trata é de retomar aquela proposta, sin partidos como dirixentes tácitos e coa maior forza social posible.
Onde fixa FeC as liñas vermellas para un suposto pacto de goberno?
Depende do resultado electoral. Tampouco depende do candidato senón da asamblea de FeC.
A título persoal considero que a base para un acordo de pactos ten que ser, como dicía Anguita, “programa, programa, programa”. As liñas vermellas van ser que as mellores prospostas estean centradas na xente do común, na creación de emprego e en poñer a Ferrol no lugar que corresponde como cidade industrial, cidade para vivir e cun urbanismo sostible.
E está preparado para ser oposición?
Estamos convencidos de que con esas políticas o PP non vai gobernar, pero aínda así Ferrol en Común non foi un invento de laboratorio, vai ter continuidade e, se é necesario, traballaremos como oposición firme e pensando no 2019, pero esa circunstancia non se vai dar, porque estamos seguros de que a cidadanía vai cambiar resignación por ilusión.
Que é o máis ilusionante do seu programa?
A participación cidadá que pretendemos impulsar. Non se pode manexar un Concello como un consello de administración dunha empresa. Tamén temos no noso programa un plan de choque para intentar, cos recursos do Concello, crear emprego e traballar polos servizos sociais e os dereitos das persoas. Estas non son as eleccións do bache ou a farola, as de adicar cinco millóns a tapar unha rúa na Trincheira, senón as de recuperarnos dos recortes e as dos dereitos sociais. n