O prazo de admisión de obras do certame de pintura “Bello Piñeiro y Piñeiro Pose” rematará o día 23

O Concello de Mugardos vivirá un ano máis a súa cita co certame de pintura “Bello Piñeiro-Piñeiro Pose”, que xa vai pola súa vixésimo quinta edición. A paisaxe galega convértese nesta ocasión o tema principal dunha convocatoria que desde o pasado día 8 ten aberto o prazo para a admisión dos traballos. Este concluirá o vindeiro 23 de xuño, momento a partir do cal o xurado terá que determinar o nome dos gañadores. No “Bello Piñeiro” poden participar as persoas maiores de 18 anos que sexan naturais ou residentes en Galicia. As medidas das pinturas teñen que ser de 150x150 e a técnica é libre. Este ano haberá un único premio, dotado con 1.800 euros, e dous accésits, que recibirán un agasallo. Tamén haberá unha mención ao mellor autor local (sen dotación económica).
Pola súa banda, como é habitual, os menores de idade terán tamén a súa propia convoctoria, da man do “Piñeiro Pose”.
Dirixido a rapaces de ata 17 anos como máximo, estableceranse dúas categorías, cos seus respectivos premios. Así, no grupo de 0 a 12 anos, o gañador recibirá material de pintura valorado en 250 euros, e de 150 no caso do segundo. Na categoría de 13 a 17 anos, estas cantidades elevaranse aos 300 e 200 euros respectivamente. En ámbolos dous grupos distinguirase tamén ao mellor autor local, que recibirá tamén material por valor de 50 euros.
Os interesados en presentar as súas obras en calquera das dúas convocatorias poderán facelo en horario de luns a venres, de 9 a 14.00 horas, no Departamento de Cultura, e os sábados de 9 a 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello de Mugardos.
Tal e como se recolle nas bases do certame, a inaguración da exposición coas pinturas e a entrega de premios será o vindeiro 7 de xullo, mes no que ademais a mostra permanecerá aberta ao público na Casa da Cultura.