
Entre as celebracións que recrean a súa historia para recordala como festa, a lenda de Pena Molexa, que se celebrou onte, é unha das máis madrugadoras non só en Narón senón na comarca. Así, o lugar de Vilasuso, na parroquia do Val, acolleu a XVIII posta ao día da lenda da Pena Molexa, un evento organizado pola AVV Irmandiños do Val e polo Concello de Narón que mantén viva a tradición oral desta parroquia. Aínda que ambientada na noite de San Xoán, este ano a cita adiantouse uns días.
completo programa
O programa da convocatoria comezou a desenvolverse a primeira hora da tarde con xogos populares e deporte rural, fundamentalmente enfocado aos máis pequenos, aínda que non unicamente. Máis tarde actuou o Grupo de Gaitas do Padroado do Concello de Narón e a partir das 21.00 horas aproximadamente comezou a parte gastronómica do evento, co reparto das primeiras racións de churrasco Molexo, completados co denominado “bocata Lopeso”.
Á cea seguiu a música coa actuación do grupo de música folk Zoadeira, antes de que os asistentes se dirixisen ao lugar onde se atopa a Pena Molexa. Alí, na medianoite comezou a tradicional representación parateatral da lenda, que mantén que cada ano pola noite de San Xoán a muller déixase ver na zona e así o continuará facendo ata que alguén acabe co feitizo.
Trala recreación, o encontro festivo rematou cunha lumeirada que se prendeu posteriormente e que estivo amenizada pola música do Dúo Boreal, que puxo fin a un evento que congregou outro ano a máis dun milleiro de visitantes, segundo a organización, e no que colaboraron ao redor de trinta veciños. n