
Desde onte pode verse no Museo do Humor de Fene “A paz, cuestión de fondo”, a mostra de caricaturas amosa os prexuízos que operan acerca da idea de paz, do racismo, das diferenzas sociais ou a guerra. Permanecerá aberta ao público ata o 7 de xaneiro de luns a venres de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A partir do 20 de decembro, o horario de visitas será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
Trátase dunha exposición cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Fene é socio colaborador. A exposición, que xa se amosou nalgún colexio de Fene, consta de 16 obras de 28 autores procedentes de 16 países. Reflicte, en palabras dos seus propios promotores, “verdades en miniatura que retratan a sociedade contemporánea e que serven non só de repaso ao mundo actual senón como punto de debate cargado de sátira e ironía para amosar a crúa realidade”.
Exposición en Limodre
O local social da AVV de Limodre acolle esta semana a mostra de fotografías de escolas indianas “Alén do mar”.




















