Almudena Vega: “O forte do festival do Río Castro é que é diurno e familiar, aínda que tamén buscamos calidade”

“Confiamos nunha mellora do tempo. En calquera caso o noso é un público fiel e agardamos que como en anos anteriores, independentemente de se chova ou non, nos visiten entre 5.000 e 6.000 persoas das que polo menos 500 son nenos e nenas”. Almudena Vega é a presidenta da AVV O Castelo de Narahío, que o sábado organiza a XXI edición do Festival do Río Castro. Unha cita clásica que naceu en 1994 coa intención de reivindicar a conservación do río a través da música e das actividades ao aire libre.
Desde entón o evento é un referente en toda a comarca e no resto de Galicia pola calidade dos grupos que pasaron por Narahío e polo ambiente festivo e familiar.
Para Almudena Vega esta cita trata de potenciar “un público máis de día e familiar coas actividades que se desenvolven na xornada, desde xogos e deportes ata o teatro e, por suposto, as merendas. Sabemos que iso é o forte, aínda que sempre tratamos de ofrecer un festival nocturno con grupos de calidade aínda que a presuposto é o que é”.
Así, a AVV O Castelo, na que traballan unhas 15 persoas, conta con 15.000 euros para organizar a xornada, unha cantidade na que colaboran o Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e a Sociedad de Artistas, Intérpretes y Ejecutantes (AIE), “unha entidade de Madrid á que lle estamos moi agradecidos e que desde hai 15 anos colabora con nós máis que outras institucións da nosa terra”.
cartel
O sábado o programa de actividades á beira do Río Castro comeza a partir das 12.00 horas coa chegada de merendas. Ás 15.30 horas principian os xogos tradicionais para nenos e nenas organizados pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Ás 17.30 horas a compañía de teatro Ghazafelhos interpretará a obra “Acuario” coa colaboración da actriz e presentadora María Canosa, autora do texto. A cita continúa celebrando ao longo do serán os seus campionatos de deporte popular entre os que están o tiro de corda, o serrado de tronzador, a chave, etc.
A partir das 22.00 horas celebrarase o tradicional festival de música folk. Abrirá con humor o artista Cé Orquestra Pantasma, a quen seguirá a pequena zanfonista naronesa María López, seguindo coas formacións tradicionais Vai Rañala Meu e Taghaitaí Manila ata o remate con O Sonoro Maxín. n









