
O Ateneo Ferrolán acolleu onte a presentación do traballo colectivo “War Zone. La Segunda Guerra Mundial en el Noroeste de la Península Ibérica”, unha obra colectiva editada pola Universidad de León e coordinada polos profesores galegos Emilio Grandío Seoane e Javier Rodríguez González.
O libro analiza unha insólita fronte de batalla durante os anos 1939 e 1945, entre León e Galicia, con estudios orixinais de diversos investigadores e historiadores que analizan acontecementos moitas veces ignorados ou só coñecidos parcialmente. Trátanse nel temas como os movementos de oposición ao réxime franquista, a reconstrución de alternativas políticas nos anos 40, a resistencia armada e a guerrilla, as espionaxes nazis e británicas (destas últimas apórtanse interesantes novidades) ou a loita internacional polo decisivo wolframio galego.
No salón de actos do Ateneo Ferrolán falaron onte o coordinador Javier Rodríguez González, así como o historiador mugardés Bernardo Máiz e o investigador ferrolán Eliseo Fernández, que é un dos autores de varios dos traballos incluídos neste volumen. Todos eles destacaron que esta aportación sintetizaba os estudos que ata o momento se tiñan feito sobre a presenza do Noroeste Peninsular como fronte da II Guerra Mundial.






















