Por terceiro ano os comercios do centro do casco histórico eumés convértense en salas de mostras. O material que mostrarán serán as imaxes da XIV exposición de recuperación da fotografía familiar na comarca eumesa, que abrangue tanto material de Pontedeume como das Pontes. Un total de 18 establecementos do casco histórico eumés acollen desde hoxe e ata o 15 de marzo fotografías do último século que recollen lembranzas da vida familiar, emigración, traballos e oficios, festas, romarías, escola, deporte, paisaxes, etc.
Organizado polo Concello de Pontedeume e a Unión de Comerciantes e Autónomos Eumeses (UCOA), a exposición inaugúrase oficialmente hoxe cunha conferencia a cargo do profesor de Historia e escritor Eduardo Fra Molinero. Será ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal e alí pronunciará a charla titulada “Álbum de fotos, ritual de identidade”. Dáse a circunstancia de que a idea inicial do equipo de traballo que elabora a iniciativa (composto por Rocío Pena, Vicente Martínez, Dolores Fraga e Alexandre Caínzos) naceu a raíz dun artigo do propio Eduardo Fra na revista Ferrol Análisis acerca da importancia da fotografía na memoria popular.




















