
Coinciden nos días de celebración, do 3 ao 5 de xullo, pero viaxando a épocas distintas. Así, As Pontes de García Rodríguez celebra a súa II Cita coa Historia, un evento organizado pola asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello, para viaxar á Idade de Ferro da época castrexa. Ese venres 3 de xullo tamén se desenvolverá unha macrovoda celta, dende as 23.00 horas, e na que poderán participar as parellas que o desexen (maiores de idade e vestidas de época) e se anoten no teléfono 665 491 312.
Durante a celebración da cita instalarase un photocall na praza da Igrexa dirixido aos veciños que se caractericen para esta volta á Idade de Ferro den conta da espectacularidade dos seus traxes e poidan levar un dos premios que se organizan. O photocall estará aberto o venres de 18.00 a 19.00 horas, o sábado de 12.00 a 13.00 e de 18.00 a 19.00 horas, e o domingo de 12.00 a 13.00 e de 18.00 a 19.00 horas. O luns 6 subiranse as fotos ao facebook do evento para que os internautas voten o seu disfraz favorito nas categorías de adultos e nenos. Os premios serán unha réplica dun torque galaico da época e un lote de libros para os máis pequenos
Aínda que o programa non está anunciado na súa totalidade, si se adiantou que na noite do sábado 4 haberá un festival de música na que entre outros participarán Os Cempés e os madrileños Foraoise.
En Pontedeume, organízase o VI Feirón Medieval dos Andrade, a cargo da asociación homónima, en lembranza do pasado medieval da vila. Miles de persoas gozarán cun evento consolidado que inclúe numerosos postos de gastronomía, roupa, hostalería e comercio variado, cunha programación musical (Sons de Suevia), de exhibición parateatral, etc. O evento inclúe este ano un espectacular banquete o día 5 ás 15.00 horas nos xardíns da Casa da Cultura (Convento de San Agustín) por 25 euros.