
O Concello de Fene propón ós rapaces de once anos en diante varios obradoiros artísticos que, baixo o nome de Espazo Novo, celebraranse entre o 21 de xullo e o 29 de agosto. Serán pola mañá, de luns a venres, de once a unha, e ofrécense obradoiros de grafiti e cultura urbana, danza e artes escénicas, fotografía creativa e audiovisual e tamén multiaventura e deportes. Faranse grupos de entre dez e vinte persoas que se agruparán por idades (entre os once e os 14 e a partir dos 15 anos).
Teñen o obxectivo de ofrecer ós máis novos ferramentas de expresión e de participación social, así como o fomento do debate e o favorecemento da creación e a imaxinación.
Para divulgar estas actividades e fomentar a inscrición dos rapaces, que se pode facer ata o venres 18, mañá mesmo haberá unha festa de inauguración ás oito da tarde, na pista municipal Fonte do Campo. Incluirá un circuíto de karts con gafas de simulación de embriagez e actuacións musicais de distintos artistas da comarca, entre os que destacan Enrique Ramil ou a bailarina Sabela López.








