
A desaparición da asociación Bidueiro non foi obstáculo para que o Concello de San Sadurniño tomara o mando na organización da Feira da Plantación, un encontro que, en palabras da concelleira de Medio Ambiente, Mª Carmen García, “trata de pór en valor a natureza”.
Así o próximo día 28 de abril regresa a Feira da Plantación, unha cita que se desenvolverá ao pé do colexio público de San Sadurniño desde primeiras horas da mañá e durante todo o día. A organización dispón dunha carpa de 2.000 metros cadrados para acomodar os 31 expositores inscritos na cita. Entre eles cóntanse produtores, comercializadores, cooperativas e organizacións como a Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA do Eume) ou a Casa do Mel de Goente.
diferentes áreas
Entre as áreas de negocio das que dispón a feira están viveiros de planta; viveiros de árbores froiteiras; maquinaria agrícola e de xardín; apicultura (Casa do Mel); Fruticultura (AGFA); artesanía; alimentación; produtores de horta; e frolisteirías. Tamén haberá unha mostra de maquinaria.
A organización dispuxo así mesmo dun posto para xantar e tamén se programaron dous sorteos de produtos doados polos expositores, un ás 12.00 e outro ás 17.00 horas. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde. Para os máis pequenos organizouse un obradoiro de cerámica que comezará ás 17.00 horas.
Segundo o técnico de desenvolvemento local de San Sadurniño, Ignacio Fernández, “unha feira como esta trata de recuperar e divulgar as actividades artesanais e económicas equiparando o medio rural a calidade de vida”.






















