
A Facultade de Ciencias do Traballo do campus de Ferrol acolleu onte pola mañá unha xornada de difusión do cooperativismo dirixida ao público universitario e promovida desde a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas, en colaboración coa Universidade da Coruña.
O obxectivo da mesma foi dar a coñecer aos estudantes as potencialidades do cooperativismo como ferramenta para o autoemprego, así como contrastar a idoneidade da fórmula para a creación de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.
Máis de 70 persoas animáronse a participar na sesión de onte, na que se abordaron cuestións como as claves diferenciadoras deste tipo de iniciativas empresariais, así como as súas principais características. Tamén se puxeron sobre a mesa os pasos e liñas de apoio existentes para constituír unha empresa de economía social, ofrecéndose ademais o relato de varias experiencias impulsadas por estudantes da universidade.
A xornada concluíu cunha charla sobre a Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e tamén do espírito emprendedor no ámbito local e comarcal.




















