
O Concello de Ferrol considera que as Pepitas teñen a entidade suficiente como para ser declarada Festa de Galicia de Interese Turístico e aproveitar así o pulo que esta distinción pode darlle á cidade máis aló da súa área de influencia. O alcalde, José Manuel Rey Varela, comunicoulles onte esta decisión ós representantes das rondallas, cos que se reuniu para ultimar os detalles de cara a unha celebración que este ano se fai cadrar en sábado, trasladándoa do luns 18 a dous días antes, o 16.
Para conseguir este recoñecemento, a Xunta esixe como requisitos que as festas teñan unha antigüidade mínima de dez anos, que sexan singulares respecto doutras semellantes noutras localidades, que teñan arraigo popular e valor cultural. O alcalde precisamente subliñou que as Pepitas son “unha festa tipicamente local, única en Galicia”, o que supón un valor para que se lle conceda unha distinción que, en Ferrolterra, teñen xa a Romaría da Fraga das Pontes, a Festa do Polbo de Mugardos e as alfombras do Corpus de Ares.
O Concello comezará a redactar o expediente preciso, coa axuda das rondallas, e espera, según comunicou Rey Varela, ter unha resposta oficial en poucos meses, “antes de que finalice o ano”.
A declaración das Pepitas Festa de Galicia de Interese Turístico “incrementará a súa proxección máis alá da cidade e da comarca ó tempo que contribuirá ó reforzamento da marca Ferrol”, engadiu o alcalde. Ademais, administrativamente supón a inclusión automática no Plan Galego de Promoción do Turismo.
programa
As Pepitas celebraranse este ano o 16 de marzo, facéndoas coincidir en sábado. Incluirán un acto institucional no Jofre (ás 11.30 horas) coa corporación de Mondoñedo, xa que é a data na que se conmemora o irmanamento con este municipio. Alí realizarase a homenaxe a catro rondallistas veteranos: Antonio Illobre Toimil, Roberto López Fraguela, José Enrique Pita Martínez e Javier Fernández Manso. No teatro actuará a rondalla Añoranzas.
Xa pola tarde haberá un recibimento ás rondallas e madriñas no pazo municipal ás seis da tarde. Desde alí comezará o percorrido polas rúas do centro da cidade, que se prolongará desde as oito da tarde ata as once da noite, cando chegarán a Amboage para o tradicional festival. Participarán Club de Campo, Añoranzas, Bohemios, Sonidos del Alba, Mugardesa, Trovadores de Ares, Lucero del Alba, Virxe de Chamorro e a rondalla de Cariño. n






















