
O goberno local e a asociación Teima-Síndrome de Down asinaron un convenio polo cal o Concello achega 35.000 euros que se destinarán a un programa específico para facilitar a integración social e laboral das persoas con esta alteración xenética.
Tal e como explicou a presidenta de Teima, Patricia Serantes, na sinatura do acordo, unha ducia de usuarios beneficiaranse do proxecto “Participando. Inclusión social na vida adulta”. Permitirá que avancen a través de cursos de competencias clave que teñen que ver coa autonomía e a autoxestión. Ademais se atenderán especificamente aspectos relacionados coa inserción laboral para este colectivo. “Este acordo tamén nos permite a posta en marcha dun programa de envellecemento activo para a mellora da calidade de vida así como da autonomía”, apuntou Serantes.
O alcalde, José Manuel Rey Varela, subliñou o compromiso do Concello coas entidades sociais. “Cumprimos coa nosa obriga para que Ferrol siga a ser unha cidade que se significa na atención das persoas con diversidade”, afirmou. Ademais engadiu que Teima “sempre contará co noso apoio”.








