
O Centro Torrente Ballester inaugura hoxe, ás oito da tarde, dúas novas exposicións. Trátase de “Diurnes”, un proxecto xurdido da colaboración entre Pablo Picasso e o fotógrafo André Villers, e de “En torno a Picasso”, mostra na que os galegos Juan López e Misha Bies Golas reflexionan sobre esta proposta histórica a partir dos seus propios fundamentos artísticos.
Picasso e Villers coñécense na cidade francesa de Vallauris en 1953. Comezan unha colaboración que seguiría durante anos e na que experimentarían con distintas técnicas. No caso de “Diurnes”, traballo feito en 1962, combinan as fotografías en branco e negro que Villers fai da paisaxe da Provenza coas siluetas en papel que superpón Picasso e nas que se recoñecen figuras esenciais no seu traballo. Froito desta ensamblaxe realizaron medio cento de orixinais dos que seleccionaron 30 para editar un libro de litografías que editou o alemán Berggruen, con textos do poeta Jacques Prévert. Viron a luz 1.000 exemplares.
Os ferroláns e os visitantes terán a oportunidade de coñecer este traballo, como xa fixeran no seu día coa “Suite Vollard”, tamén unha serie de gravados realizados por Picasso e que se expuxo en Novacaixagalicia.
Pero ademais, como acontece coas últimas exposicións, dáse a oportunidade a artistas galegos e ferroláns punteiros de dar a coñecer o seu traballo, en conexión coa mostra principal, nunha forma de darlles máis valor ás súas obras e de favorecer a súa divulgación.
Así, “En torno a Picasso” ofrece a oportunidade de coñecer o traballo do ferrolán Juan López, artista multidisciplinar, musicólogo e licenciado en Historia da Arte, que realiza instalacións con debuxo, gravado e diversos obxectos, sempre co son cun papel importante. Misha Bies Golas, de Lalín, no seu traballo, tamén recicla materiais, como imaxes de revistas fóra do seu contextos orixinal.
Tamén o Liceo Europeo das Artes inaugurará unha exposición no Torrente Ballester esta tarde. Será ás sete. A mostra inclúe o traballo de casi unha ducia de creadores, que amosarán as súas pinturas, fotografías e traballos en cerámica e escultura neste centro cultural ata o vindeiro 13 de marzo.




















