
O grupo Os Feroces da Galgueira veñen de facer a presentación da I Xornada Feroz de Música Galega que se levará a cabo o vindeiro 25 de maio nas Pontes, e que consistirá na impartición de tres obradoiros de gaita galega, canto e pandeireta e percusión. Esta actividade, aberta a todo aquel que estea interesado, levarase a cabo nas instalacións do Conservatorio de Música Profesional das Pontes e terá unha duración de oito horas. Sobre as características do curso e inscrición informan no seu blog: http://osferoces.blogspot.com.es.
O contido de cada un dos obradoiros pretende afondar nos coñecementos técnicos e musicais dos alumnos e na apredizaxe de novos recursos. Para iso a organización conta con catro músicos de primeiro nivel na tradición musical galega que impartirán cada unha das materias que busca o perfeccionamento técnico dos alumnos.
Así, o obradoiro de gaita galega contará coa presenza do fenés Daniel Bellón, o de canto e pandeireta terá a Davide Salvado como profesor, mentres que no de percusión estarán Lola Fernández (Lola de Ribeira) e Miguel Fraguas.
Desde a organización destacan que esta actividade “quere ampliar ao ensino –xa que había unha demanda neste sentido– a simple actividade musical de Os Feroces da Galgueira dentro do eido da nosa cultura tradicional e facelo con monitores de primeiro nivel. A selección no foi fácil xa que hai xente moi boa xa non en Galicia, senón na nosa propia comarca. Temos que dicir que o estímulo de Dani, Davide, Lola e Miguel foi total, apoiándonos e animándonos nesta iniciativa”. Por outra banda, o grupo de folk avanza na idea de continuidade. “Quixemos salientar que era a primeira edición precisamente para motivármonos, porque hai unha aposta de futuro con este programa de obradoiros”, din.
En canto ao apoio institucional, Os Feroces contan coa axuda do Concello e o Conservatorio pontés e as panaderías Toñita, Domingo López e Díaz. “O poder das mantecadas das Pontes é considerable”, aseguran.




















