
Logo da chegada ao longo da xornada de onte dos equipos participantes ao Pazo de Mariñán, en Bergondo, hoxe desenvolverase neste escenario a competición dunha nova edición do Parlamento Xove.
Trátase dunha competición de debate organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e enmarcada no Plan Proxecta da Consellería de Educación na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia “empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización”.
Un total de 15 grupos de alumnos de 3º e 4º de ESO dou-tros tantos colexios e institutos da comunidade mediranse nunha competición na que terán que debater arredor do tema sobre o consumo responsable entre os mozos a partir da seguinte pregunta: “Está a servir a crise económica global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?”.
competición
A dificultade da actividade, segundo se salienta desde o devandito departamento da Xunta, está en que “tan só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se dá a coñecer se lles corresponde responder a favor ou en contra á cuestión formulada pola organización.
Todos os equipos, formados por un máximo de catro alumnos e un profesor investigaron durante os pasados meses e agora contrapoñerán as súas ideas e datos. Desde un punto de vista educativo, traballan todas as competencias lingüísticas (comprensión e expresión escrita e oral) ao incluirse un premio especial de artigos e outro de dossieres de investigación.
Trala competición de esta fin de semana para os alumnos de 3º e 4º da ESO, o vindeiro mes de marzo a proba celebrarase para os de Bacharelato.
No que atinxe ao IES Saturnino Montojo, este é o segundo ano que toma parte na iniciativa. Nesta ocasión o fai da man dos seguintes alumnos de 4º da ESO: Irene Arto Escudero e Mateo Buján Varela como oradores, e Sandra Díaz Seoane e Darío García Rodríguez como investigadores.
A coordinadora da actividade é a profesora de Lingua Galega e Literatura María do Carme Fernández Miranda, que tamén contou coa colaboración da docente do mesmo departamento Corona Tato García e de Pilar García Suárez, do Departamento de Xeografía e Historia.
Por parte do CPI Conde de Fenosa de Ares competirán hoxe en Parlamento Xove os alumnos de 4º de ESO Roberto Rivas Couce, Marina García Canedo e Laura Ordóñez García así como a estudante de 3º de ESO Clara Morado Morgado.




















