
Con máis membros –de 14 pasan a 17– e “máis reforzado politicamente”. Así é o novo Consello Local de Esquerda Unida, organismo que seguirá coordinando Suso Basterrechea e que foi renovado na asemblea da pasada semana. Unha reunión da que saíu un consello “moi reforzado no ámbito político nun momento duro na sociedade en xeral e dramática na cidade ferrolá e comarca”, tal e como onte salientou o propio Basterrechea. A pretensión de Esquerda Unida á hora de enfrontar o proceso de renovación pasaba, precisamente, por “articular un Consello Local moito máis político e coordinado arredor dunhas áreas xerais de actuación política”.
“Tendo en conta o avance da nosa organización e a forza que está adquirindo na nosa localidade, mais tamén na comunidade, co que aconteceu coa coalición AGE, e a nivel estatal, Esquerda Unida ten a responsabilidade de tomar un papel protagonista e fundamental ante a política depredadora que vai en contra dos cidadáns e da clase traballadora”, explicou o coordinador.
Deste xeito, configurouse un órgano cuxas áreas de actuación teñen que ver cos “problemas máis acuciantes” da cidade, entre os que, no relativos ao ámbito laboral, se atopa o do naval.
“Este tema está adquirindo tintes tráxicos”, denunciou o responsable do Consello Local, quen criticou as “promesas incumpridas do goberno do PP” mais tamén a actuación do comisario europeo, o socialista Joaquín Almunia, en relación á problemática do “tax lease”. Isto, engadido á complicada situación laboral en moitas outras empresas da zona, leva aparellada “unha degradación social” á que, segundo Basterrechea, o Concello de Ferrol non está a dar resposta, lamentou.
Esquerda Unida seguirá defendendo o desenvolvemento sostible, denunciando a planta de gas de Reganosa ou o trazado sur do ferrocarril ao porto exterior, así como loitando polos servizos públicos como son a educación, a sanidade e a xustiza. “Trataremos de estar a carón de toda a sociedade civil, organizada e non organizada, que atopa na loita contra o sistema a razón para mellorar e transformar a sociedade”, dixo.
mocidade
No Consello Local permanecen, segundo comentou Basterrechea, membros da anterior coordinadora aos que ademais agora se suman novas incorporacións, sobre todo xente nova que está entrando a formar parte dunha organización que, tal e como onte reiteraron, esixen a dimisión do goberno do PP de Mariano Rajoy e a convocatoria de eleccións anticipadas.








