
Dúas manifestacións diferentes, como cada ano, percorrerán mañá a cidade naval con motivo do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora. A mobilización conxunta de CCOO e UGT –da que nesta ocasión queda desmarcada a USTG– sairá ás doce da mañá desde o Inferniño para rematar na praza de Armas. Á mesma hora partirá de Esteiro a protesta convocada pola CIG, que neste caso atopará na Praza Vella o seu punto de chegada.
A defensa dos dereitos dos traballadores ou o rexeitamento ás políticas do Partido Popular, especialmente a que ten que ver coa reforma laboral que, lonxe de crear emprego está, segundo os sindicatos, a aumentar a pobreza e a desigualdade, debuxarán o telón de fondo das mobilizacións.
A de CCOO e UGT desenvolverase baixo o lema “Así non saímos da crise”, unha máxima que vén de ser anulada pola Xunta Electoral Central de Teruel, segundo informou onte a secretaria comarcal de Comisións Obreiras, Auri Vázquez. Para amosar a súa solidaridade cos compañeiros desta cidade aragonesa, a primeira parte do percorrido da manifestación de mañá farase sen a pancarta e coas bocas tapadas con esparadrapo, o que tamén servirá para denunciar a “lei mordaza” que o PP está a levar a cabo de xeito efectivo, tal e como se amosa con actuacións como a sinalada, dixo Vázquez. A representante de Comisións Obreiras apuntou ao Primeiro de Maio como unha ocasión máis para esixir ao Goberno que mude as políticas de recortes que están a causar, entre outras cousas, o empeoramento das condicións de traballo, a diminución dos servizos públicos e da protección social dos cidadáns, entre outras cuestións.
Nesta mesma liña expresouse o secretario comarcal de UGT, Cesáreo Fraga, que botou man das cifras para ilustrar o desolador panorama laboral actual como o elevado número de parados, o incremento dos contratos temporais en detrimento dos estables ou o preocupante número de fogares con todos os membros no paro.
Unha hora antes da mobilización –ás 11.00 horas– UGT levará a cabo unha ofrenda floral diante do monolito adicado a Pablo Iglesias, nun acto no que tamén estará presente o PSOE.
A USTG non forma parte este ano, a diferencia dos anteriores, da convocatoria conxunta de CCOO e UGT. O secretario comarcal do devandito sindicato, Gregorio Freire, lamentou a ruptura desta unidade por parte das outras dúas centrais e, tal e como se apuntou nun comunicado, “tendemos a man para que esto sexa un feito aillado e que permita a recomposición da unidade diante dos enormes retos que temos os traballadores e traballadoras de Ferrolterra”.
ustg
Diante desta situación, a USTG convoca para mañá un acto sindical interno na súa sede de Españoleto, 76, ás 12.00 horas.
Con respecto a este tema, a secretaria comarcal de CCOO aclarou que onte mesmo se estivo a celebrar un xuízo por unha denuncia da USTG tanto a Comisión Obreiras como a UGT, “e neste contexto resultounos tremendamente difícil facer unha mobilización unitaria, isto supón un claro inconvinte para ir xuntos na pancarta e facer xuntos a intervención”, apuntou. De todos os xeitos, convidou á central e aos seus afiliados a secundar a mobilización. “Creo que as organizacións sindicais temos que xogar este partido con lealdade, independetemente das ideas e estratexias de cada un”, engadiu Auri Vázquez.
cig
A CIG, pola súa banda, desenvolverá este Primeiro de Maio baixo o lema “Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos”. Desde a central denunciouse unha vez máis a perda de miles de traballos desde o inicio da crise, así como o continuo empobrecemento da clase traballadora. O empeoramento da situación, reflectida nos últimos datos da EPA nos que se constata o incremento do paro ou unha importante caída da poboación activa, especialmente entre os 20 e os 34 anos, son, a xuízo da central, froito dunhas reformas laborais que ademais están a provocar unha perda de dereitos laborais e salariais.
En relación á ausencia dunha plena unidade sindical nestas mobilizacións, o co-secretario comarcal da CIG, Xesús Pintos, apuntou que esta unión ten que se dar nas fábricas e nos conflitos laborais, pero que en datas como a de mañá non se pode ir da man con centrais coas que non se comparten moitas cousas, como o relativo, por exemplo, ao que ten que ver co diálogo social, con posturas encontradas. “Nós estamos pola unidade da clase obreira”, dixo.
O BNG de Ferrolterra fixo tamén un chamamento á participación da cidadanía na mobilización convocada pola central nacionalista.








