
O pintor de Cospeito afincado en Valdoviño Manuel Carballeira foi o gañador da primeira edición do concurso de pintura “Pasión Cofrade”, convocado pola Coordinadora de Cofradías da Semana Santa de Ferrol, con “Vía Crucis”. Era precisamente esta celebración relixiosa o tema obrigado para as obras que se presentaron, e a pintura elixida empregarase como imaxe do cartel promocional dos actos deste ano (do domingo 24 ó 31 de marzo). Representa a unha comitiva de confrades, cos hábitos negros e cargando ás costas unha cruz, camiñando de noite por unha rúa do barrio da Magdalena, cun ceo tormentoso, ós que un espectador lles tende a man.
O fallo do premio deuse a coñecer onte, na sala de exposicións da Autoridade Portuaria, no acto de inauguración da mostra coas 14 obras presentadas (entre elas a de Antía, unha nena de nove anos á que lle regalaron unha caixa de pinturas). Tamén alí se fixo público o nome do accésit, xa que o xurado considerou que “Contraluz”, de Nicolás Mira, merecía unha mención.
No acto de inauguración e de entrega de premios participaron representantes das confrarías penitenciais de Ferrol, así como de diferentes entidades da cidade. A concelleira Susana Martínez Galdós foi a encargada de entregar un dos premios.
A exposición permanecerá aberta na sala de exposicións da Autoridade Portuaria (en Curuxeiras) ata o 10 de febreiro. Pode visitarse de 17.30 a 20.00 horas.
pregón
O primeiro grande acto da Semana Santa de Ferrol será o 8 de marzo, co pregón na concatedral de San Xiao, a cargo do cedeirés Bieito Rubido, actual director do diario ABC. Os desfiles procesionais comenzarán o Domingo de Ramos (24 de marzo) e celebraranse diariamente ata o Domingo de Resurrección.






















