Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Vence apoiou a loita de Iván Rivas para recuperar para Ferrol a dignidade

Apoiado polo voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, o candidato á Alcaldía de Ferrol desta formación, Iván Rivas, comezou a campaña electoral espallando pola cidade o seu programa.
Primeiro foi a presentación oficial na praza do Himno Galego e despois fíxose un primeiro reparto informativo para que se poida profundizar nas liñas mestras do programa do BNG-Asembleas Abertas para Ferrol.
O voceiro nacional, Xavier Vence, lanzou dúas mensaxes claras á cidadanía: que non poden separarse os proxectos do goberno local dos xerais, “polo que o executivo de Ferrol é responsable por acción ou omisión da situación que vive o naval e da destrución do emprego e abandono da cidade” e que hai que defender os sectores produtivos dos concellos, “ facelo onde faga falta”.
Vence acusou ó alcalde do PP de ser cómplice da política industrial e sectorial do Goberno central e de facer que o único horizonte posible sexa a emigración ou o traballo ultraprecario.
Con respecto ó lema empregado polo candidato á Alcaldía do PP de “Ferrol tiene ganas”, Vence sinalou que “do que ten ganas é de pasar páxina das políticas de desmantelamento e de desidia total do PP cos sectores económicos básicos”. Se Ferrol ten ganas de algo, indicou, “é de esquecerse do abandono da cidade” e, nese senso, o portavoz nacional do BNG recoñeceu que a situación de Ferrol é difícil “pero ten futuro con outro tipo de políticas, que pasan por cambiar de goberno no mes de maio e afrontar unha nova etapa para superar as políticas do PP, algo que dende o BNG estamos en condicións de facer”.

contidos
A recuperación da dignidade da cidade é un dos obxectivos básicos que se plantexa o equipo nacionalista para Ferrol, un dos eixes do seu programa e que pasa, segundo explicou Iván Rivas, por facer unha oposición ás políticas da administración central que teñen que ver co engano que fan co sector naval e que leva ó desmantelamento deste. Dende o BNG opóñense a calquera restruturación que se pretenda facer neste sector.
Rivas salientou tamén o “fraude” que supuxo o Plan Ferrol nos últimos 20 anos e asegurou que un dos obxectivos do BNG é de-senvolver “un verdadeiro plan de reindustrialización que pasaría pola relación de Concello, Xunta e Estado, dotado de medios para captar mediante proxectos empresariais reais e que se poidan levar a cabo na cidade e non políticas de propaganda”.
O programa nacionalista aposta tamén polo mantenemento de sectores industriais como os das auxiliares actualmente, sinalou Rivas, “máis próximas ó escravismo”.
O ferrocarril, sobre o que o BNG considera que o Eixo Atlántico non pode ser tal sen a inclusión de Ferrol; as relacións con Defensa, coa reclamación dunha compensación económica polos terreos ocupados na cidade; o saneamento da ría e limpeza e aproveitamento dos peiraos; a posta en valor do patrimonio histórico e artístico –emprego do Sánchez Aguilera como lugar de encontro para artistas noveis–; o inventariado do patrimonio dos barrios co fin de dotalos de usos; e a apertura de Ferrol co derribo da muralla do arsenal figuran no programa de goberno do BNG, xunto co cambio da política económica, deixando de externalizar e privatizar servizos, ou medidas de conservación de elementos significativos da zona rural como o castro de Lobadiz, o dique da Cabana e os miradoiros da cidade foron cuestións salientadas por Rivas.