Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

O concerto de Sés pechará o domingo a semana grande de festas do Concello mugardés

A XXVII Festa do Polbo do pasado sábado deu o pistoletazo de saída a unha intensa semana de actividades no concello de Mugardos. Tralo certame de corais do domingo e o espectáculo de maxia de onte pola tarde a cargo do Mago Antón, a carpa do parque da Constitución acollerá hoxe, a partir das 21.00 horas, a proposta infantil “Danzamos SON+D2”.

Música en directo, danza e elementos teatrais ou de clown mestúranse nunha actividade que pretende achegar a cultura musical e a linguaxe creativa aos espectadores máis cativos.

Mañá xoves será a quenda para a actuación da orquestra París de Noia, encargada de protagonizar unha verbena que dará comezo ás 23.00 horas no parque da Constitución.

Neste mesmo escenario desenvolverase o venres o Festival de Folklore Internacional. Ás 21.00 horas, as formacións participantes, procedentes de Cuba, Chipre, Portugal, Tenerife e Narón, tomarán parte nun desfile que partirá ás 21.00 horas desde o Concello para concluír na carpa na que terán lugar as actuacións.

Sábado
A programación festiva continuará o sábado, cunha nova sesión de verbena coa orquestra Cinema (ás 23.00 horas). A partir da unha da madrugada haberá un espectáculo pirotécnico.

Chegarase así ao domingo, día no que as festas botarán o telón.
A animación desta derradeira xornada comezará pola mañá co pasarrúas de grupos de gaitas pola vila. Ás 18.00 horas haberá unha festa infantil no parque das Casas Baratas.

De poñer o broche final ao programa mugardés encargarase a cantante Ses, que fará así unha parada no devandito concello dentro da súa xira de presentación do seu último traballo “Opoñerse á extinción”. A cita terá lugar ás 22.30 horas no parque da Constitución.

O novo traballo da compositora galega continúa na liña dos dous anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose ademais con novas sonoridades.