
O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 13 de xullo, o concerto da banda aCadaCanto, proxecto musical que uniu por primeira vez as carreiras da cedeirense Guadi Galego (voz), Xabier Díaz, (voz), Guillerme Fernández (guitarra), e Xosé Lois Romeu (acordeón). Todos eles, compañeiros noutras formacións como Berrogüetto, Espido ou Nova Galega de Danza. A partir das 22.00 horas, e con entradas ao prezo único de oito euros, presentarán o seu disco homónimo, sexto título do novo selo discográfico Músicas de Salitre.
Trece cancións na súa maioría orixinais, creadas polos integrantes de aCadaCanto, e algunha que outra procedente da música tradicional galega. Este traballo presentouse cun concerto en directo en maio, no certame Festiletras de Ponteceso e, nos próximos meses, a formación percorrerá con el as principais cidades de Galicia.
A idea de pór en marcha aCadaCanto xurdiu na cidade de Ourense, no transcurso dun concerto de Fuxan vos Ventos no que Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romeu participaron como convidados. Este sábado, os paisanos de Galego e os visitantes que se acheguen á vila poderán ver o resultado deste novo proxecto musical da grande intérprete cedeiresa.









