
O salón de actos do Ateneo Ferrolán acolle a partir das 20.00 horas de hoxe a presentación que resume creativamente os seis primeiros anos da Semana de Poesía Salvaxe, unha iniciativa creada cando Yolanda Díaz dirixía o departamento de Cultura do Concello e que coordinaron ata hoxe os poetas Karlotti e Guillermo Ferrández.
A “Escolma Salvaxe” que hoxe se dará a coñecer reúne a máis de 40 poetas ao longo de 400 páxinas que pasaron por Ferrol entre 2007 e 2013 e verqueron a súa palabra nas rúas, prazas, bares e mercados da cidade, quedando como testemuño dun traballo cultural feito con notable carestía de medios suplida con ilusión e solidariedade.
O acto estará presentado polos profesores e activos animadores sociais José Torregrosa e Miguel Castro e non faltarán moitos dos poetas escolmados, así como actuacións musicais a cargo de Manolo Bacalhau e Roger de Flor, entre outros artistas.
venda e obxectivos
O volume véndese a un prezo de 15 euros para sufragar a propia edición e para obter algunha axuda para a que sería a IX Semana da Poesía Salvaxe que os seus organizadores anuncian que se celebrará en Ferrol, aínda non contando de novo con ningún tipo de axuda institucional, dos días 23 ao 25 de abril do vindeiro ano.
Nesta “Escolma Salvaxe” atópanse poetas de toda Galicia, España e Portugal. Segundo os seus propios compiladores, Ferrández e Karlotti, “creadores existencialistas e surrealistas como Carlos Oroza, un dos grandes poetas vivos do underground en España e outros como Chus Pato ou Tomás Segovia, dunha calidade incuestionable. Xunto con eles poden verse a forza das mulleres de Galicia con escritoras como Olalla Cociña ou María do Cebreiro entre outras. Nomes diferentes aquí unidos tras pasar pola nosa Semana de Poesía Salvaxe”.




















