
Para comezar, sopa, e a continuación unha perfecta combinación de patacas, garabanzos e grelos con todo tipo de carne: lacón, botelo, chourizos, cachucha, touciño e costela. Todo ven regado cun viño da Riberia Sacra e, para rematar, un doce adobío a base de filloas recheas e orellas. O prezo: 25 euros por persoa.
Esta é a oferta que fai o Asador Gavia a quen queira degustar un magnífico cocido de porco celta nas súas instalacións (no hotel Carrís Almirante). Así celebran o Entroido desde onte mesmo e ata o vindeiro 13 de febreiro, coas segundas xornadas que dedican a este animal.
Dan así continuidade en Ferrol a unha iniciativa similar que se leva adiante no hotel Carrís de Sarria, localidade onde se celebra unha festa de exaltación deste prato, centrado tamén nesta raza autóctona.
oferta gastronómica
As xornadas dedicadas ó cocido do porco celta súmanse a otras iniciativas semellantes coas que se quere resaltar periodicamente algún produto de excepcional calidade. É o caso das que lle dedican ó bacallau, con distintas receitas para resaltar o seu sabor a prezos accesibles, ou as que teñen como protagonista o asado segoviano.




















