A asociación artística e cultural Mesturas volve facer unha convocatoria para pintar ó aire libre, logo de que a súa anterior proposta, en novembro, tivera que ser suspendida polas malas condicións meteorolóxicas.
O encontro está previsto para hoxe, a partir das dez da mañá, nas inmediacións do magnolio centenario de Narón, fronte ó muíño grande de Xuvia. Trátase dun exemplar botánico único en Galicia pola súa antigüidade.
Os pintores interesados en retratar cos seus pinceis esta árbore poden poñerse en contacto coa xunta directiva de Mesturas a través do correo artemesturas@gmail.com e os teléfonos 610 296 235 e 653 526 167. A asociación apoiará a actividade con artistas con experiencia didática que asesorarán a quen o precise.
Esta iniciativa forma parte dun proxecto editorial posterior de Tomás Casal Pita, que el mesmo explicará sobre o terreo. Ademais, os cadros realizados durante todo o día poderán formar parte dunha exposición.
A asociación Mesturas naceu en Narón en maio de 2012 como “un lugar común onde dar a coñecer e disfrutar da variada oferta cultural e artística que se está a fraguar tanto neste municipio como noutros da área de Ferrolterra”.




















