
Logo de acadar a medalla de ouro nas súas respectivas especialidades na fase autonómica celebrada o pasado outubro, agora toca loitar por se converter nos mellores estudantes a nivel do territorio español.
Alejandro Romero Rivera, alumno do ciclo medio de Sistemas microinformáticos e redes no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiros, e Iván García Vázquez, estudante do ciclo superior de Deseño e Produción Editorial no IES Leixa, son dous dos 23 rapaces que integran a delegación galega que desde onte e ata o vindeiro domingo representarán á comunidade galega nas Olimpíadas de Formación Profesional Spainskills que se celebran no Ifema de Madrid.
Romero competirá no “skill” –modalidade– de Soporte de rede, mentres que García fará o propio no de Deseño Gráfico. Ambos acuden á cita acompañados tamén polos seus respectivos tutores, Víctor Manuel Martínez e José Antonio López, respectivamente.
Os dous coiciden no obxectivo co que chegan á cita: intentar acadar a victoria. Así o apuntaban hai uns meses logo de impoñerse aos seus rivais na competición autonómica, celebrada ao longo do pasado outubro en diferentes centros educativos, entre eles o Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra e o IES Leixa.
Nesa primeira fase, que se correspondeu coa segunda edición do GaliciaSkills, tomaron parte un total de 81 alumnos galegos, dos que 13 procedían de institutos da comarca de Ferrolterra. Só os primeiros clasificados acadaron o pase á competición que desde onte e ata o vindeiro domingo enfrentará aos mellores do territorio español.
Nestas Olimpíadas, organizadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa colaboración activa das Comunidades Autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, participan un total de 272 estudantes de Formación Profesional de toda España. As probas poderán seguirse en directo a través do portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/spainskills.
Segundo se informou desde a Consellería de Educación e Ordenación Univesitaria, a participación galega no certame “implica un forte compromiso por parte do profesorado, por unha banda na preparación dos competidores, tarefa do profesorado titor de cada competidor, e, pola outra, na participación na elaboración das probas así como nos distintos xurados que puntuarán aos competidores e ao profesorado experto, un por cada skill”.
obxectivo
Segundo se salientou, o obxectivo das Spainskills é poñer en valor a FP como un sistema de oportunidades para os estudantes, así como contribuír á difusión das posibilidades laborais destas ensinanzas.
Ademais, tal e como se apunta desde a Consellería, grazas ao apoio das numerosas empresas que colaboran na cita, estas convértense nun escaparate para que os estudantes de FP poidan coñecer de preto as demandas e necesidades reais dos sectores produtivos.
Así mesmo, preséntase como unha ocasión para que os alumnos amosen as súas competencias profesionais, “o que supón unha importante oportunidade para a inserción laboral dos máis novos”, engaden desde a Administración educativa galega.




















