
O Mércores de Cinza puxo onte o colofón ao Entroido –aínda que as festas continuarán durante os vindeiros días en diferentes puntos da comarca– cunha axenda de actividades especialmente intensas no municipio de Fene, que como cada ano viviu o seu día grande cun gran ambiente nas rúas. De animar a celebración encargáronse as 14 comparsas participantes: unha na categoría infantil formada por alumnado do CEIP de Centieiras, dúas adultas de Fene (Os Scratchados e Paso a Paso), outras oito tamén de adultos chegadas de Narón, Neda e Ferrol e, finalmente, tres comparsas dos centros Xeriatros de Narón, Laraxe e Ferrol.
Para incentivar a participación de grandes grupos, o Concello destinou este ano unha partida de 6.500 euros. Na organización do Entroido fenés colaboran a Asociación Cultural Os Tadetas e as panadarías do municipio.
Tralo pasarrúas, a Praza do Concello acolleu as actuacións das agrupacións, para logo lerse o testamento do Entroido –este ano acompañado de dúas viúvas do CMI Unidade de Fene–, daráselle lume ao boneco e rematar coa música do Grupo Pasión.
Pontedeume celebrou tamén onte o velorio do finado, a lectura do testamento e a procesión e queima do Entroido.








