
O Parador de Turismo de Ferrol volve acoller hoxe ós máis de 130 participantes no Galicia Magic Weekend, unha proba centrada nun xogo de cartas que triunfa en todo o mundo e que, nesta quinta edición, continúa a medrar en repercusión. Desde distintas partes do país chegaron xogadores para competir no premio Ferrol Cidade do Mar (en formato Modern), que se levou adiante onte durante todo o día e que tiña como premio principal unha viaxe a Honolulu para participar nunha proba profesional, e hoxe domingo, no torneo Impact Series co formato Legacy.
Os gañadores obtiveron distintas recompensas relacionadas coas probas e tamén vales de compra. Ademais houbo sorteos entre tódolos participantes, polo que as posibilidades de participar e volver a casa con algún agasallo son elevadas.
O Galicia Magic Weekend está organizado pola asociación cultural Novotebeo co patrocinio do Concello de Ferrol, Metrópolis Cómics e Paradores. Comezou como o torneo de Magic Ferrol Cidade do Mar e, dada a importancia que acadou nestes anos (converténdose no máis importante dos que se celebran en Galicia), ampliou as súas actividades e pasou así neste 2014, por primeira vez, a ser toda unha fin de semana dedicada ás cartas.
O Magic é un xogo no que as cartas representan distintas figuras dun mundo fantástico que ademais medran co paso do tempo, o que fai tamén que o valor destes naipes e a súa función vaia variando.








