A produtora viguesa Alén Filmes está a preparar o que será o seu novo programa para este ano, “Galicia LipDub”, que se emitirá na Televisión de Galicia o próximo verán. Un “Lip Dub” é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos cunha canción popular ou de actualidade, neste caso o “Ghaiteiro” dos Diplomáticos de Montealto.
A gravación deste “Lip Dub” terá lugar o vindeiro domingo 28 de abril. Farase un ensaio xeral pola mañá, entre as 11.00 e as 14.00 horas na praza do Mercado, e a gravación definitiva levarase a cabo a partir das 16.00 horas alongándose ata as 19.00 do serán.
día de festa
Desde a produtora Alén Films tratan de facer da xornada de gravación un día de festa. Indican que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse pola mañá e aproveitar a oportunidade de ensaiar, aínda que tamén poderán facelo momentos antes da gravación definitiva do programa.
En cada programa de “Galicia LipDub” a produtora indica que busca a implicación de colectivos da vila, que se organizarán en grupos nos que valorará a creatividade, o sentido do humor e as propostas de vestiario de cada un deles, algo ao que Alén Filmes “estimula e anima”.




















