
A biblioteca Columba, de Covas, celebra o sábado o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se conmemorou onte, cunha actividade de animación á lectura que contará co escritor ferrolán Antón Cortizas. Comezará ás seis da tarde e, despois do conto, os rapaces estarán convidados a chocolate con churros.
En Neda festexaron esta data onte mesmo, coa lectura do poema de Pat Mora que serve de manifesto a esta xornada en todo o mundo e tamén cunha sesión de contacontos dirixida a toda a familia que correu por conta de Marisa Irimia.
Narón tamén tivo actividade especial na súa biblioteca, xa que se celebrou a reunión para explicar ós participantes como se vai desenvolver a proposta de “bookcrossing”, a liberación de libros en lugares públicos para seren lidos por quen os atope.
Ademais, e tamén relacionado coa literatura infantil e xuvenil, pódese hoxe acudir, ás 12.30 horas, á presentación, na librería Lume da Coruña, da obra “Bandeiras negras”, coa que a ferrolá Ana María Galego Ben obtivo o quinto premio Meiga Moira.




















