
Grupos de Castela e León, Euskadi, Valencia, Madrid, as Illas Baleares, as Canarias, a Bretaña e Galicia compiten por actuar en directo no Festival de Ortigueira de 2013, a través do concurso Runas, dedicado a formacións noveis. Serán tres grupos dos dez semifinalistas os que accedan a este premio e, ademais, poderá repetir na vindeira edición, xa que dese concerto sairá un gañador que pasará a formar parte do cartel oficial de 2014, cun caché de 2.500 euros. Elexiranse a través dunha fórmula mixta que involucrá ó público –a través de votación na web www.festivaldeortigueira.com– e tamén, con maior peso na decisión final, a un xurado especializado formado por músicos, técnicos e axentes musicais.
A organización do Festival abriu o proceso de votacións a través de internet, que se poderá utilizar ata o 25 de abril, ás 18.00 horas. A través da páxina web oficial, no apartado Runas, pódese escoitar un tema de cada un dos semifinalistas e emitir a votación, cuxa evolución pode seguirse tamén en tempo real.
De entre tódolos finalistas hai un único grupo galego, Guezos. Nacida en 1999, e con catro discos no mercado, propoñen unha mesturan de música tradicional galega co rock, o funk, o reggae e incluso a rumba.
Tamén hai unha formación que chega desde a Bretaña francesa, Skarn, na que o rock e o metal conviven tamén cunha raíz folclórica actualizada con arranxos modernos.
Con eles, tres formacións de Castela e León (Excómunion, Folk on Crest e o quinteto de Manuel Galán e Jesús Cid), Boc (das Illas Baleares), Autodate Folk (das Canarias), os valencianos Solana, o grupo madrileño Sigulka e Ruaille Buaille, procedentes de Euskadi.
O concurso Runas do ano pasado gañouno o grupo xaponés Harmónica Creams. Foi a primeira vez que este recoñecemento recaeu sobre un grupo estranxeiro. Así, son tamén a única formación confirmada ata o de agora para o festival de 2013. Con eles, no Runas, compartiron escenario Rastrexos Project, Alén de Ancos e Avelaíña.




















